Thursday 02 de May de 2024

Galicia pecha a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal co obxectivo cumprido de consolidar a Eurorrexión e desenvolver os seus recursos


-A Eurorrexión captou da Unión Europea 163 millóns de euros para a posta en marcha de 85 proxectos, sendo a área máis beneficiada da fronteira hispano-lusa

-O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o director da AECT, Xosé Lago, fixeron hoxe balance da presidencia galega da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, calificou hoxe como satisfactorio o balance da presidencia galega da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal (CTG-NP), xa que “non só se lograron os obxectivos marcados, senón que se superaron amplamente”, asegurou Gamallo.

Galicia, que preside agora este organismo interrexional, pasará nos vindeiros días a testemuña a Portugal. Neste período, a comunidade transfronteiriza traballou no seu obxectivo principal de consolidar a Eurorrexión, pero tamén centrou os seus esforzos na dinamización económica, a cooperación ambiental, a cooperación para o desenvolvemento das infraestruturas e da mobilidade, a cooperación para a proximidade e o desenvolvemento de proxectos conxuntos nas áreas de cultura, educación e turismo.

Os mecanismos que permitiron avanzar neses obxectivos foron o Plan de Investimento Conxuntos 2014-2020 (PIC 14-20) e a RIS3-T, que son instrumentos de programación propia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, pioneiros en Europa e que supoñen fundamentalmente a priorización dos investimentos que se poidan acadar, nomeadamente, cos recursos europeos. Un terceiro instrumento é o relativo ás aportacións e a preparación dos Cumios Ibéricos, porque nestes cumios avánzase na cooperación transfronteiriza en áreas que exceden as propias competencias autonómicas, especialmente nas áreas de mobilidade, infraestruturas e superación dos custes de contexto transfronteirizos. Segundo o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, “en todas estas áreas hai avances significativos”.

O esforzo e o interese demostrado pola Comunidade queda patente no feito de que se presentaron ao Programa operativo de cooperación transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) máis de 750 candidaturas nas dúas primeiras convocatorias no conxunto da fronteira hispano-lusa, nas que se concedeu unha axuda FEDER de máis de 265 millóns de euros. A Eurorrexión ten sido a área máis beneficiada tanto no número de proxectos aprobados (85) como na proporción de fondos captados (máis de 163 millóns de euros de gasto), o que, a entender de Jesús Gamallo, “é sinal da vitalidade da nosa Eurorrexión no conxunto da fronteira hispano-lusa”.

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal foi constituída pola Xunta de Galicia e pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da Rexión Norte de Portugal (CCDR-N) o 31 de outubro de 1991. Trátase da comunidade de traballo máis antiga da Península Ibérica e unha das de maior e máis estable traxectoria da Unión Europea.

O seu impacto na mellora das condicións de vida da poboación é máis que evidente xa que, ademais do desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias, nestes anos puxéronse en marcha programas como Interlumes, cun orzamento de 9,1 millóns de euros e no que a Xunta participa con 4,5 millóns, e que reforza a capacidade operativa de resposta á extinción de incendios forestais na fronteira, coa posta en marcha da primeira base de medios aéreos transfronteirizos e a mellora dos medios materiais para labores de extinción e de vixilancia.

Outros programas que son resultado da colaboracións transfronteiriza e que espertaron grande interese foron Facendo Caminho -orientado a estruturar, protexer e poñer en valor as rutas portuguesas do Camiño de Santiago na Eurorrexión-, ou Iacobus, de cooperación universitaria e fomento da mobilidade entre estudantes.

Outro obxectivo da CTG-NP é a cooperación de proximidade, promovida a través das eurocidades, creadas para compartir infraestruturas e servizos coa finalidade de aforrar custos. Na raia existen catro eurocidades: Tui-Valença, Chaves-Verín, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao. Todas elas, co apoio activo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, atoparon o financiamento axeitado e necesario para desenvolver gran cantidade de actividades de índole económica, cultural e deportiva que reforzaron e consolidaron a cooperación transfronteiriza.

Como non podía ser doutro xeito, a CTG-NP reaccionou de inmediato á crise sanitaria coa posta en marcha do Plan para a reactivación da cooperación de proximidade na fronteira do Norte de Portugal con Galicia, coa finalidade de conseguir para a zona unha “discriminación positiva”, o que se traduciu na presentación de propostas valoradas en 29 millóns de euros.

Os intereses comúns no eido cultural e lingüístico, e o esforzo da CTG-NP por reforzar eses vínculos, deron lugar a que, o pasado 17 de xullo, España ingresara como país observador asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, o que reforza o balance positivo co que Galicia pecha a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.